A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de tramitar ante o Goberno do Estado a inclusión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia no listado de humidais de importancia internacional. Así o anunciou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, durante a inauguración dunha xornada en Sada para celebrar o Día Mundial dos Humidais na Reserva da Biosfera Mariñas coruñesas e Terras do Mandeo.
O evento, de carácter divulgativo e organizado polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (Ceida), congregou a preto de medio centenar de estudantes e profesionais interesados nos valores eco-sistémicos dos humidais en xeral e, particularmente, dos que existen na comunidade.
Na súa intervención, Ana María Díaz explicou que a Xunta xa completou os trámites ante o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) para solicitar que as Illas Atlánticas se incorporen ao listado de humidais de importancia internacional. O seguinte paso será que o Consello de Ministros dite o acordo de inclusión no Convenio Ramsar polo que, engadiu, a comunidade contará en breve cun sexto humidal protexido.
Galicia ten nestes momentos cinco espazos declarados como humidais de importancia internacional, que suman en total 7.698 hectáreas: a ría de Ribadeo, a ría de Ortigueira-Ladrido, a lagoa e areal de Valdoviño, o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo e o complexo intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira.
En todo caso, en Galicia hai identificados máis de 1.000 humidais repartidos de forma maioritaria entre os sectores litorais, as depresións sedimentarias interiores e as áreas de montaña sublitorais e centrais. Por provincias, Lugo sitúase á cabeza ao concentrar o 30% de todos os humidais inventariados na comunidade e o 60,6% da superficie que ocupan. Detrás dela está a provincia de A Coruña, cunha porcentaxe de zonas húmidas moi similar (o 29,7%) pero cunha extensión moito menor, que representa o 46,8% do total. Pontevedra e Ourense albergan un menor número destes ecosistemas, con 236 humidais e 8.088,7 hectáreas e 218 e 9.663,6 hectáreas, respectivamente.
Convenio Ramsar desde 1971
O Día Mundial dos Humidais celébrase cada 2 de febreiro desde o ano 1971, conmemorando a data de sinatura do Convenio sobre os Humidais na cidade iraniana de Ramsar para crear conciencia en todo o mundo dos valores que achegan este tipo de ecosistemas para o planeta. Así, os humidais son espazos de capital importancia, non só porque escaseen e estean ameazados senón porque realizan funcións básicas e fundamentais: proporcionan recursos, son soporte de actividades humanas e constitúen un valioso patrimonio cultural e natural.
O lema escollido en 2018 foi Humidais para un futuro urbano sustentable, seleccionado co fin de poñer de relevo a importancia de preservar nun estado saudable os humidais situados en contornas urbanas, onde achegan importantes beneficios aos seus habitantes. Neste sentido, a directora xeral de Patrimonio Natural subliñou a gran importancia destes espazos e o compromiso da Xunta coa súa conservación.
Outros actos conmemorativos
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio organizou esta semana varias actividades lúdicas e didácticas con motivo do Día Mundial dos Humidais, efeméride que se celebra en Galicia desde 1997 para sensibilizar á sociedade sobre os valores destes espazos e os seus beneficios para a natureza.
Os actos principais organizados polo departamento autónomico consistiron nunha visita para escolares á aula da natureza de Siradella, no complexo intermareal Umia-O Grove, que incluíu xogos didácticos, unha charla informativa sobre os humidais e un avistamento de aves, e a inauguración dunha pequena mostra fotográfica sobre aves no Centro de Interpretación dos Ecosistemas do Litoral de Galicia (Cielga), ubicado dentro do complexo húmido de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.