O tempo
hoxe
mañá
Imaxes
Eventos
Non hai contido que amosar.
Introdución
Este espazo foi declarado no 2005. Cunha superficie de 28,94 ha, está situado no extremo nordeste da provincia de Lugo, na liña litoral entre as localidades de Ribadeo e Foz.
Posúe outras figuras de protección:
- Zona de Especial Protección dos Valores Naturais “As Catedrais”, de 297 ha;
- Zona especial de conservación (ZEC) ''As Catedrais'', ZEC ES1120005; 297 ha;
- Reserva da Biosfera “Río Eo, Oscos e Terras de Burón”;
- A área correspóndese parcialmente coa IBA 007 Ría do Eo-Praia de Baraio-Ría de Foz, incluída no inventario de SEO/BirdLife (1998).
A pesar do nome de Praia das Catedrias a praia só existe durante a marea baixa, xa que na marea alta chega a desaparecer casi na súa totalidade. A fronte costeira do Monumento natural da praia das Catedrais oriéntase en dirección leste-oeste, ao longo da rasa cantábrica, con 2,2 kms de fronte e de 10 a 20 m de altura. Caracterízase pola presenza de pequenos cantís mariños e praias de area, intercaladas entre pequenos promontorios e illotes de grande interese xeomorfolóxico e paisaxístico. Dentro dos límites do Monumento Natural da Praia das Catedrais discorren dous pequenos cursos fluviais: o regato do Perdón e o Rego de Esteiro
Este enclave xeomorfolóxico formouse debido á erosión mariña da edade paleozoica, que afectou á serie de pizarras e cuarcitas. Deste xeito, os arcos e túneles son as formas xeomorfolóxica máis numerosas, acadan ata os 30 m de altura, pero tamén se conservan covas (ou “furnas”) e illotes (“stacks”) que constitúen vestixios de antigos arcos afundidos pola acción erosiva das ondas. As covas e furnas características da praia de Augasantas (que lle deron o seu nome popular de “As Catedrais”) desenvólvense sobre rochas silíceas.
Nas Catedrais pódense observar pequenas formacións dunares adentrándose no continente, e a parte más baixa dos acantilados está cuberta por algas, mexillóns, percebes, lapas e belotas de mar.
Para a súa visita, nos meses de verán e Semana Santa, compre autorización da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ( https://ascatedrais.xunta.es/).
Patrimonio Natural
Desde unha perspectiva ecolóxica entre o ecosistema mariño e o terrestre establécese unha sucesión de medios e tipos de hábitats de gran diversidade e complexidade ambiental, onde identificáronse un total de 16 hábitats do Anexo I da Directiva 92/43/CEE, dos que 4 se consideran prioritarios. Destaca a presenza tamén de terreos ocupados pola uceira-toxeira aerohalina (sobre todo de queirugas (Erica vagans) e do toxo (Ulex europaeus subsp. eauropaeus f. maritimus).
Respecto ás especies de flora protexidas, segundo a información do Plan Director, na relación de especies do Catálogo galego de especies ameazadas presentes no ZEC As Catedrais inclúese a especie en perigo Limonium dodartii.
Os hábitat presentes na ZEC As Catedrais acubillan varias especies de fauna, entre as que destacan as incluídas na Directiva Hábitats (Directiva 92/43/CEE relativa á conservación dos hábitat naturais e da fauna e flora silvestre) e na Directiva Aves (Directiva 2009/47/CEE relativa á conservación das aves silvestres). Respecto á avifauna, convén indicar que a matogueira costeira acolle gran variedade de pequenas aves terrestres, como a laverca (Alauda arvensis), pero podemos citar no lugar outras especies como o Corvus corone, Falco peregrinus, Gallinula chloropus, Limosa lapponica, etc. Destaca tamén a presenza de aves peláxicas na contorna do monumento natural, especialmente do corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis).
Entre os mamiferos podemos citar a Genetta genetta, Lutra lutra, Myotis myotis ou o Rhinolophus ferrumequinum, e entre os anfibios a Chioglossa lusitanica, Discoglossus galganoi, Hyla arborea.
Patrimonio Cultural
No traxecto atópanse tres castros, e as súas oxivas aliñadas conservan aínda un compoñente aurífero. Existen nas inmediacións restos dunha fábrica romana e apareceu unha condución labrada polo home nunha zona elevada sobre as covas que hoxe forman parte do que se cataloga como Monumento Natural .
Esta canalización é semellante a outras que apareceron asociadas a minas romanas de ouro. Nestas, o sistema servía para conducir grandes cantidades de auga a un lugar alto. Alí almacenábase en estanques ou lagoas artificiais para despois liberala e ir así rompendo as montañas. Boa parte das minas descubertas ata o momento na Mariña lucense forman un rosario que segue a costa e chega ata Salave, Asturias, onde existen galerías desde o mar para conducir a auga, e lagoas artificiais que fixeron o romanos
No propio conxunto das Catedrais existe un forno romano en Esteiro. No lugar distínguense os restos dun forno destinado á cocción de cerámica. Consérvase parte da estrutura do que posiblemente foi un complexo romano máis amplo. Neste lugar tamén se acharon numerosos fragmentos de vasillas de gran tamaño, denominadas dolium, que se utilizaban para a almacenaxe de mercadoría.
O núcleo de Rinlo ten a súa orixe nun porto baleeiro con máis de 500 anos de historia.
Reserva a túa visita
Outros recursos
O tempo
hoxe
mañá
Imaxes
Eventos
Non hai contido que amosar.
O tempo
hoxe
mañá
Imaxes
Non hai documentos que amosar.