Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán


O tempo

METEOGALICIA

hoxe

07:00
Showers
08:00
Showers
09:00
Showers
10:00
10º
Showers
11:00
11º
Showers
12:00
13º
Showers
13:00
13º
Partial Cloudy

mañá

04:00
Partial Cloudy
07:00
Showers
10:00
Showers
13:00
12º
Partial Cloudy
16:00
12º
Partial Cloudy
19:00
11º
Showers
22:00
Showers

Imaxes

Introdución

Videointerpretación sección Introdución

Excelente exemplo de complexo litoral
A extensa duna móbil (1 km de longo, 250 m ancho e 15 m alto) é un dos maiores atractivos deste espazo natural, pero non o único. O Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán é un excelente exemplo de complexo barra-lagoa litoral en Galicia. Conta cun extenso sistema dunar de gran valor natural e paisaxístico e alberga moitos tipos de hábitats nun espazo relativamente reducido. Abrangue 996 ha, sendo o quinto en extensión dos seis parques naturais galegos. Foi o segundo de Galicia, declarado o 15/06/1992.

 

Top 5: o que non debes perder

 

  1. En menos de mil hectáreas de superficie, Corrubedo posúe a duna móbil máis grande do noroeste peninsular. O conxunto xeolóxico do Parque Natural formouse hai 12.000 ou 15.000 anos, no Cuaternario, a época na que desapareceron os mamuts e os mastodontes ou se desenvolveron os humanos anatomicamente modernos.
  2. Visitar as dúas lagoas do Parque, ben distintas entre si: unha de auga doce (Vixán) e outra salobre que comunica co mar (Carregal).
  3. As extensas zonas anegadas constitúen áreas húmidas de importancia internacional no paso de aves que aniñan no lugar. Na lagoa de Vixán hai un observatorio de aves.
  4. Subir ao miradoiro de Pedra da Ra para ter unha perspectiva da duna móbil e de varias illas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia.
  5. Bañarse na praia do Parque. A coñecida como praia de Corrubedo é unha consecución de dous areais: o de Ladeira e o do Vilar, de máis de 3 km de longo.

Servizos

Videointerpretación sección Servizos

Centro de Recepción de Visitantes Casa da Costa

Localización: Lugar do Vilar, Carreira. 15960 Ribeira (A Coruña). Ver en Google Maps
Horario Casa da Costa
  • Horario de Verán (do 1 de maio ao 30 de setembro, de martes a domingo)
    Martes a venres e domingo de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00.
    Sábados, festivos e pontes de 10:00 a 14:30 e de 16:00 a 19:00.
  • Horario de Inverno (do 1 de outubro ao 30 de abril de sábado a domingo, festivos e pontes)
    Sábados, festivos e pontes de 10:30 a 14:30 e de 16:00 a 18:00.
    Domingos de 10:30 a 14:30.
  • Horario de Semana Santa: 24-30/03 (2024) e 13-19/04 (2025)
    Maña: 10:30 a 14:30 / Tarde: 16:00 - 18:00.
  • Horario de Nadal: 23-30/12 (2023) - 6/01 (2024). Pechado 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro
    Maña: 10:30 a 14:30 / Tarde: 16:00 - 18:00.
Horario punto de información aparcadoiro da duna
  • Horario de Verán (do 15 de xuño ao 15 de setembro, de martes a domingo)
    Martes a venres e domingo de 10:00 a 14:00 e de 16:00 – 18:00.
    Sábados, festivos e pontes de 10:00 a 14:30 e de 16:00 a 19:00.
Entrada libre
Visitas
Posibilidade de concertar visitas guiadas (10 a 35 persoas) nas nosas rutas, previa cita, chamando ó número de teléfono (981 432 528).
Cinco itinerarios sinalizados.
Visitas autoguiadas con paneis informativos e material divulgativo.

 

Situación paneis informativos

 

 

Aparcadoiros

 

 

 

 

 

Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral de Galicia (CIELGA)

 

Localización: Lugar do Vilar, Carreira. 15960 Ribeira (A Coruña). Ver en Google Maps
Horario
Consultar
Entrada libre
Notificar visita de grupos

 

 

 

 

Cafetaría-restaurante e área recreativa do Vilar

 

Rutas

Camiño do Vento

Baixa
30 min
1,5 km
Lineal

Camiño do Río do Mar

Baixa
1,30 h
3,5 km
Lineal

Camiño da Praia

Baixa
45 min
1,5 km
Circular

Camiño da Gandarela

Baixa
2 h
6 km
Circular

Camiño da Auga

Baixa
2 h
2,5 km
Circular

Información de utilidade

Parque Natural
Casa da Costa 881 867 645
 
Información municipal
Turismo de Ribeira 981 871 050-981 870 980
 
Emerxencias
Urxencias 112
Seprona 062
Incendios forestais 085
 
Outras app de interese

A ter en conta

Videointerpretación sección A ter en conta

  1. Deixa o vehículo nos aparcadoiros habilitados.
  2. Usa o vehículo só nas estradas/camiños habilitados e modera a velocidade cando circules polo interior do Parque.
  3. Non leves mascotas.
  4. Arrincar flores e plantas está prohibido, ademais de poñer en perigo especies singulares.
  5. Non molestes á fauna, non fagas ruído.
  6. Infórmate dos permisos necesarios para acceder ao Parque ou para facer calquera ruta.
  7. Antes de facer unha ruta, comproba a dificultade e o tempo que debes investir.
  8. Planifica con detalle a túa visita, sobre todo se vas en grupo, e equípate convenientemente.
  9. En moitos dos Parques Naturais organízanse visitas guiadas e interpretadas gratuítas; chama antes.
  10. Leva o móbil sempre coa batería cargada.
  11. Camiña polos sendeiros habilitados.
  12. Respecta a sinalización.
  13. Precaución coas enchentes dos cursos de auga.
  14. Precaución ao pisar pedras e troncos cando están mollados xa que son moi escorregadizos.
  15. Non está permitida a acampada libre nin pasar a noite con caravanas.
  16. Fai un uso responsable do lixo; se non hai colectores, lévao contigo ata que atopes un.
  17. Non está permitido o baño fóra das zonas habilitadas.
  18. Respecta as propiedades privadas.
  19. Usa as áreas recreativas.
  20. O lume pode destruír a vida do Parque, non o acendas.
  21. Excepto casos concretos, está prohibida a caza e a pesca. Consulta a normativa de cada Parque Natural.
  22. Avisa ao persoal do Parque ante calquera incidencia.

O tempo

METEOGALICIA

hoxe

07:00
Showers
08:00
Showers
09:00
Showers
10:00
10º
Showers
11:00
11º
Showers
12:00
13º
Showers
13:00
13º
Partial Cloudy

mañá

04:00
Partial Cloudy
07:00
Showers
10:00
Showers
13:00
12º
Partial Cloudy
16:00
12º
Partial Cloudy
19:00
11º
Showers
22:00
Showers

Imaxes

Ecosistema

Dunas fixas

Videointerpretación sección Ecosistema

Cara ao interior
As praias dan paso cara ao interior a varios sistemas dunares, nos que se inclúen diferentes cordóns de dunas primarias e secundarias, extensos campos de dunas semifixadas pola vexetación, chairas e corredores.

Duna móbil

Suroeste contra nordés
A duna móbil atópase ao norte do espazo natural, tras a praia da Ladeira. Con preto de 1 km de lonxitude, ata 250 m de anchura e unha altura duns 15 m, presume de ser a de maior tamaño do norte de España. En lento e constante movemento, avanza impulsada polos ventos do suroeste cara ao interior mentres que os ventos de nordés, devolven a area cara ao mar.

Presenta un perfil asimétrico. Ao lado de barlovento, de onde proceden os ventos do suroeste e mira ao mar, ten menor pendente e é máis longa; mentres que o lado de sotavento ten a maior pendente, superando os 30°.

Para protexela, está prohibido andar pola duna.

Os veciños do lugar chámana Montes da area e arredor dela existe unha lenda.

Lagoa de Carregal

Na lagoa do Carregal (salobre) conflúen varios ríos: Sanchanás ou de Artes, Longo, Sirves e Cidá. Comunícase co mar por un conxunto de canles, polo que se ve sometida ás mareas e mantén vexetación halófila ou habituada ao sal, como herbais salinos ou xunqueiras.

O Río do Mar é a principal canle de comunicación do tranquilo mundo da lagoa e a marisma de Carregal co bravo océano Atlántico. Está en continuo movemento e modifica o seu curso por mor das correntes e dos temporais.

A marisma ocupa unha grande extensión, constituíndo un dos ecosistemas máis senlleiros do Parque Natural.

Lagoa de Vixán

Augas doces
A lagoa de Vixán é unha lagoa de auga doce ao carón do mar. O vento e o mar son os responsables da súa formación. A acción das ondas e do vento fixo avanzar os sedimentos areosos que quedaron ao descuberto no mar, creando unha frecha litoral. No interior ficou a masa de auga achegada polo río dos Muíños e pola infiltración. O nivel de auga oscila moito, sendo máis elevado no inverno e máis baixo no verán.

Como lagoa litoral, posúe unha elevada riqueza biolóxica. Nela desenvólvese un amplo cinto de vexetación acuática e helofítica, con predominio da carriza. Tamén é un valioso hábitat para a vida acuática e conta cun observatorio de aves preto dela.

Praias

Fronte ao Atlántico
A praia da Ladeira é a máis próxima a Corrubedo. Ten unha lonxitude de 1.350 metros e unha anchura media de 32. A praia do Vilar ten unha extensión de 3.500 metros de longo e 30 de anchura.

Ambas miran ao océano Atlántico, outra característica que as distingue da gran maioría dos areais de Ribeira, bañados polas abrigadas augas da ría de Arousa.

Outros ecosistemas

Nos límites do Parque
O espazo do Parque Natural vese completado por pequenos tramos de costa rochosa baixa nos seus extremos setentrional e meridional (Corrubedo, punta Corveiro), piñeirais de repoboación (en gran parte sobre terreos areosos), áreas cultivadas e, xa fóra dos seus límites, unha ampla baía mariña.

Flora

Flora do Parque

Videointerpretación sección Flora

Orixinalidade vexetal
O Parque é unha boa mostra de case todas as comunidades vexetais propias das marismas, lagoas e areais da costa galega. A orixinalidade da súa flora radica na súa gran variedade: contra o que poida parecer a primeira vista, aquí habitan máis de 250 especies. Delas, varias están protexidas por lei por seren rarezas ou endemismos que só se atopan en contados enclaves do litoral galego.

Hai varios conxuntos diferenciados: praias e dunas, marisma e lagoas e outros.

Flora tras a duna fixa

Máis aló da area
Tras a duna fixa, onde a area deixa de ser o elemento principal do solo, aparecen as matogueiras dominadas polos toxos e queirogas ou carrasca.

Os fentos ou os liques que tapizan as pedras son tamén frecuentes nestes hábitats.

A vexetación complétase con piñeirais mesturados con carballos, formacións da ribeira dos ríos como ameneiros ou salgueiros e zonas de cultivos, resultado da humanización da área.

Tamén son moi características as tamargueiras, arbustos tolerantes ao sal.

Marisma e lagoas

Orquídeas mediterráneas

As plantas que viven na marisma e na lagoa de Carregal evolucionaron para sobrevivir en ambientes cunha elevada concentración de sales (son halófitas). A vexetación aquí está dominada polo xunco e outras especies propias de ambientes salinos como a verdoaga marítima e a herba salgada.

Na lagoa de Vixán é destacable a canaveira constituída polo carrizo, que está acompañado na parte posterior da lagoa, máis doce, por espadanas e por lirio amarelo.

O clima, con certa tendencia mediterránea no verán, favorece o desenvolvemento das orquídeas. Algunhas son moi abundantes, como o satirión corpudo, propio de zonas húmidas, ou a lengüeira; mentres que outras están incluídas no catálogo de especies ameazadas (caso da espiral de verán).

Praias e dunas

Estratexias de sobreviventes
Para sobrevivir neste medio hostil, a vexetación profunda na area con longas raíces na busca de sustento. Con isto cumpre unha importante función de arraigo e evita que o vento leve a area das dunas. As plantas desenvolven diferentes estratexias para superar fortes limitacións como a falta de auga, a salinidade ou a inestabilidade do solo.

Contra a deshidratación, o cardo de ribeira volve as súas follas espiñentas para evitar a perda de auga por transpiración. A honquenia acumula a auga nas súas follas carnosas e impermeabilízaas cunha capa de cera, que tamén a protexe do sal.

Para resistir os fortes ventos hai plantas como a herba de namorar que medra en grupos almofadados. O feo de praia utiliza outra estratexia: a gran flexibilidade do seu talo.

Moitas plantas adoptan cores claras ou verde-azuladas para reflectir parte da radiación solar que lles chega e non perder auga. É o caso da melga mariña.

Fauna

Anfibios e réptiles

Videointerpretación sección Fauna

O 70% das especies galegas
Das 14 especies de anfibios citadas para Galicia, 10 están presentes no parque. Unha delas é o sapo de esporóns, que vive enterrado na area e só sae á noite.

Os réptiles tamén están ben representados en Corrubedo, con 14 das 20 especies catalogadas en Galicia. O lagarto arnal ou a cobra de colar son só dous exemplos.

Aves

Protección internacional
O valor ornitolóxico de Corrubedo quedou patente mediante a súa inclusión na lista do Convenio Ramsar sobre Humedais de Importancia Internacional (1993). É, ademais, zona húmida protexida en Galicia.

Para a fauna invernante distínguense tres áreas: Carregal, Vixán e a zona mariña.

As marismas da lagoa de Carregal (salobre) acumulan grandes concentracións de laro-limícolas. Podemos atopar a píllara dourada nos areais, así como o pernileiro, diversos mazaricos, pilro tridáctulo, pilro común e bilurico pativerde.

A lagoa de Vixán (doce), con abundante carrizo, alberga as principais especies de anátidas e rálidas.

A mellor época para observar as aves é entre setembro e abril. No verán redúcese o número de especies e só permanecen as aves sedentarias: a galiñola negra, o alavanco real, o mergullón pequeno e a galiñola de río. Nos últimos anos cría aquí a tartaraña das xunqueiras, sendo este o único lugar en Galicia na actualidade.

No inverno, un gran número de aves acuáticas empregan a lagoa para descansar e alimentarse. No centro sitúanse os patos mergulladores, sendo o máis abundante o parrulo chupón. Tamén na parte central, o corvo mariño grande aliméntase dos peixes que captura mergullándose. Nas zonas próximas á beira vemos os patos nadadores, como o alavanco real, que na invernada incrementa o seu número, o pato cullerete, a cerceta común, o pato cincento, e os menos frecuentes: pato asubiador e pato rabilongo.

As zonas menos profundas están ocupadas polas garzas reais, capaces de agardar inmóbiles durante moito tempo á espera de lanzar o seu peteiro para atrapar un peixe ou algunha ra.

En épocas de frío intenso, achéganse á lagoa especies como os cullereiros ou os cisnes reais.

Na zona mariña destaca a presenza de mobellas, pentumeiros e corvos mariños.

En canto ás aves nidificantes, destacan o alavanco, o mergullón pequeno e a galiñola negra, así como a píllara das dunas, cun importante número de parellas do conxunto da poboación de Galicia.

Moluscos, peixes e mamíferos

Mar de cetáceos
A lama da marisma e das ribeiras da lagoa está ateigada de nutritivos moluscos, crustáceos e peixes.

Entre os mamíferos, a lontra é o máis significativo dos que viven na marisma do Carregal (salobre).

No Parque tamén se atopan o porco teixo, o raposo, o ourizo, o esquío e o xabarín.

Nas augas próximas á costa é frecuente divisar golfiños, toniña e outros cetáceos.

Patrimonio material

Castro de Porto de Abaixo

Videointerpretación sección Patrimonio material

E outros testemuños prehistóricos
O Castro de Porto de Abaixo está no lugar de Anquieiro, ao sur do Parque Natural. En 1978 foi descuberto por casualidade, no medio duns traballos de extracción de area propios doutros tempos. Asomaron os vellos muros dun antigo poboado fortificado, duns 90 x 40 metros e con forma ovalada, posiblemente habitado entre os séculos IV a II antes da nosa era. Na actualidade pódense ver algúns dos valados da súa muralla defensiva soterrados pola area.

É curiosa a proximidade deste castro ao mar, motivada posiblemente pola diferenza do nivel do mar da época do xacemento co actual. Desde a súa situación estratéxica domínase toda a costa e a enseada de Corrubedo.

O nome de Porto de Baixo ten a súa orixe na existencia dun pequeno porto natural empregado polos mariñeiros da parroquia de Carreira para deixar as súas dornas sen ter que iren a Aguiño.

Na zona do Vilar atópase soterrado un antigo monumento funerario: o túmulo de Pipín, unha mámoa que sobresae do terreo e que indica a antigüidade da presenza humana no lugar.

Nos arredores do Parque Natural atopamos outras testemuñas do antiga que é a ocupación do territorio: o dolmen de Axeitos, os petroglifos da Pedra das Cabras e os castros do Facho, do Taúme ou da Cidá.

Estelas funerarias

Monumentos romanos
Na zona de Bretal atopáronse dúas estelas funerarias que datan dos séculos II-III da nosa era. Son monumentos romanos adoptados como propios pola poboación local.

En 1754, o ilustrado Padre Sarmiento deixou constancia escrita no seu caderno de viaxe dunha inscrición funeraria achada nesta zona: "Materno, fillo de Rústico, consagrou esta inscrición aos Deuses Manes (Deuses dos Mortos) para a súa honestísima esposa Flavia, morta aos 34 anos. Prégoche, a ti que pasas, que digas unha oración. Que a terra che sexa liviá".

Muíños

Maquía e aparceiros
No Parque Natural vense restos dos moitos muíños que houbo na zona, regada por varios ríos.

Podían ter varias formas de propiedade e explotación. Nos muíños de maquía, o muiñeiro cobraba unha medida (a maquía) por cada saco que moía, mentres que os veciños eran os propietarios dos chamados muíños dos aparceiros e repartían os días da semana nos que ía moer cada un.

En canto ao seu funcionamento, a auga chega ao muíño por unha canle desde unha presa na que se desvía o río. Cae a través dun balde ou “buraco do inferno” no rodicio. Coa forza da caída, o rodicio xira e o seu xiro fai mover unha das pedras: a moa. Deste xeito, o gran (de trigo, millo ou centeo) que cae entre a moa (que é a móbil) e o pé (que é a pedra fixa) transfórmase en fariña.

Telleiras

Importante industria no Barbanza
Os fornos de tella son unhas construcións populares de grande interese no Parque Natural. Significaron unha industria importante no Barbanza no s.XIX.

No lugar que ocuparon os fornos de Cortiza e de Canosa aprécianse montículos cubertos de vexetación. Outros fornos quedaron agochados baixo os piñeiros.

Patrimonio inmaterial

Lenda do Apóstolo

Videointerpretación sección Patrimonio inmaterial

As pegadas que deixou o cabalo
No medio da marisma de Carregal están as coñecidas popularmente como Pedras da Lagoa, sobre as que xira unha lenda arredor das pegadas que deixou o cabalo do Apóstolo Santiago nun espectacular chimpo desde o Monte da Cidá ás Pedras de Lavandeira, destas ás do Canal e, desde aí, a Corrubedo.

Conta o relato dun vello de Olveira que o Apóstolo veu converter os mouros pagáns que habitaban na cidade de Valverde no Carregal. Ao chegar á Costa de Moldes, Santiago viu que o sol estaba meténdose no mar e díxolle:
- Detente sol por unha hora!
Sentiu entón unha voz dicíndolle que o sol non se podía deter na súa carreira, pero que lle concedía unha hora máis de día. Por iso agora cando se pon o sol aínda queda unha hora de luz, cando antes quedaba pechado como unha noite escura.

Á mañá seguinte, o cabalo mataba máis mouros coas patas que o Apóstolo coa espada. Aquel día quedou todo asolagado e a cidade de Valverde desapareceu. Foi entón cando o cabalo do Apóstolo fixo o seu espectacular salto dunhas pedras a outras, deixando marcadas as pegadas.

Cando o Apóstolo Santiago marchou dixo ollando para Carregal:
- Na miña vida non quero ver tal!

E por iso quedoulle ao lugar o nome de Bretal.

Lenda da cidade asolagada

A antiga cidade de Reirís
Noutros tempos existiu en Carregal a cidade de Reirís, tamén chamada de Valverde ou Bretal. O relato de L. Carré Alvarellos conta o seguinte:

“No pazo de Reirís vivía un rei coa súa filla, unha fermosa princesa. Un día chegou alí un vello rei mouro que foi moi ben recibido. Namorouse da princesa e pediuna en casamento, pero o rei rexeitouno por consideralo xentil e máxico, xa que manexaba a espada con encantamentos. Alporizado, botou un engado e a terra comezou a tremer, as casas derrubáronse e das fontes comezou a manar auga a cachón, convertendo as rúas da cidade en regos.

O rei mouro ollaba desde unha pena do monte como a cidade se mergullaba nas augas. Mentres, a princesa invocaba a axuda das boas fadas botando as súas xoias á lagoa para que o desalmado penase para sempre no seu fondo.

O rei de Reirís colleu a súa espada e dirixiuse ao galope a combater ao malfadado rei mouro que, por encantamento, se converteu nun touro. A pesar desta estratexia, o animal foi asediado e obrigado a fuxir cara a lagoa, onde caeu atrapado, mergullándose de vagar mentres choutaba e loitaba por ceibarse. Así desapareceu bruando baixo as augas.

O rei, a princesa e as xentes de Reirís fundaron unha nova cidade noutro lugar da zona.”

Desde aquela séntese bruar o boi encantado no fondo da lagoa. Os vellos do lugar chámanlle o Ave Tora, e disque brúa tres veces ao día e tres días á semana para anunciar mal tempo. A respiración do animal sería a que fai borboriñar as augas.

A Ave Tora, hoxe coñecida como avetoro ou boi, é un ave semellante á garza que en época de cría emite un canto no serán parecido a un brado de touro.

Lenda da duna

A cidade enterrada pola area
A duna móbil, ou Montes da area, ten unha forte simboloxía. Posúe unha dimensión imaxinaria que, en forma de lenda, aínda hoxe en día circula de boca en boca entre os veciños de Corrubedo. Conta o relato dun home:

“Anda de voz en voz, contaban os de antes, que alí houbera unha vila á que chamaban a cidade de Valverde, e que a asolagara logo a area, que a cubrira a area. E está enterrada aí, debaixo dos Montes da Area, cando isto era dos mouros.

E aí apareceu unha campá e un esquilón que foi para a capela de Bretal e logo para aquí, para a igrexa de Olveira. Despois as campás foron para Toledo porque co son que tiñan rompían os cristais das casas que estaban cerca.

E dicíase:
Dúas campás ricas campás
Eu teño oído iso…”

O tempo

METEOGALICIA

hoxe

07:00
Showers
08:00
Showers
09:00
Showers
10:00
10º
Showers
11:00
11º
Showers
12:00
13º
Showers
13:00
13º
Partial Cloudy

mañá

04:00
Partial Cloudy
07:00
Showers
10:00
Showers
13:00
12º
Partial Cloudy
16:00
12º
Partial Cloudy
19:00
11º
Showers
22:00
Showers

Imaxes

Como chegar?

Videointerpretación sección Como chegar

O Parque Natural de Corrubedo atópase no Concello de Ribeira, no extremo suroeste da provincia da Coruña (península do Barbanza). En concreto, abarca as parroquias de Corrubedo, Olveira, Artes e Carreira.

 

Corrubedo e Aguiño son os núcleos urbanos limítrofes co espazo natural, mentres que a capital municipal, Santa Uxía de Ribeira, dista pouco máis de 2 km.

 

 

Accesos

 

  1. Pola vía rápida VRG-111, continuando pola estrada DP-7304 e pola DP-7302, que leva ata o Centro de Recepción de Visitantes Casa da Costa.
  2. Polas estradas C-550 (Noia-Santa Uxía de Ribeira ou Padrón-Santa Uxía de Ribeira), continuando logo pola estrada AC-303 (Santa Uxía de Ribeira-Corrubedo).

Permisos necesarios

Videointerpretación sección Como Permisos necesarios

Non se precisa autorización

Contacto

Videointerpretación sección Como Contacto

Centro de Recepción de Visitantes Casa da Costa

Localización: Lugar do Vilar, Carreira. 15960 Ribeira (A Coruña). Ver en Google Maps

Miradoiros

Videointerpretación sección Como Miradoiros

Hai dous miradoiros acondicionados:
  1. Pedra da Ra (190 m). É a mellor opción para ter unha perspectiva da duna móbil. Nos días despexados, desde aquí vese o cabo Fisterra (norte) e o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia: a illa de Sálvora e o perfil das Ons e das Cíes.
  2. Castro da Cidá (210 m). A máis altitude có anterior, as vistas son similares, pero cos restos dun antigo asentamento castrexo nas proximidades.

Ocio

Videointerpretación sección Como Ocio

Capital comarcal do Barbanza
Riberia, declarada de Interese Turístico, é unha das vilas máis animadas do Barbanza aínda que, en xeral, todos os municipios que bordean a Ría de Arousa (Rianxo, Boiro e A Pobra do Caramiñal) ofrecen múltiples alternativas de ocio activo ou de turismo mariñeiro para gozar do seu principal recurso: o mar.

 

Ribeira invita a percorrer o seu paseo marítimo e se é sábado, pode aproveitarse a mañá para perderse no mercado que se instala a carón do porto de baixura máis importante de España e terceiro de Europa, ou continuar a camiñada cara ao paseo de Coroso (2 km). A esencia do mar tamén emana nos portos mariñeiros de Aguiño, Carreira ou Palmeira. Outros puntos de interese son o icónico Faro de Corrubedo (1856) ou o dolmen de Axeitos (BIC), entre os moitos restos arqueolóxicos. En xullo, a Festa da Dorna é cita marcada no calendario.

 

 

Entre os miradoiros, Couso é punto estratéxico para vixiar a bocana da ría e ter vistas privilexiadas da illa de Sálvora. Integrada no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, pode visitarse en barco privado ou en transporte público.

 

 

Ampliando o radio de acción son innumerables as posibilidades: a desembocadura do Ulla-Deza e a vila mariñeira de Rianxo; o Castro de Meixón, en Boiro; as piscinas naturais do río Pedras ou a lúgubre Festa do Nazareno e a Procesión das Mortallas da Pobra.

 

 

Ao abrigo da Ría de Arousa hai tamén centos de praias para gozar da soidade e do baño nestas augas tranquilas.

 

 

 

+info

 

 

Produtos locais

Videointerpretación sección Como Productos locais

Un viveiro natural
O mar, en xeral, e a Ría de Arousa, en particular, son os recursos máis importantes da comarca do Barbanza. O de Ribeira é o porto de pesca de baixura máis importante de España e o terceiro de Europa polo que ao espectáculo vespertino do retorno dos barcos (ou da saída, se se opta por madrugar), engádese o de presenciar unha poxa e non marearse coa velocidade das vendas.

Na lonxa de Ribeira, a subhasta ten lugar ás 18.00h (moluscos e bivalvos, 15.00h). Algunhas das especies máis destacadas son a pescada, o lirio, as ameixas, o polbo, os ourizos, etc. No porto e na lonxa de Aguiño, a segunda do municipio, o percebe é o produto estrela. Cunhas descargas anuais en torno ás 50 toneladas, cada mes de xullo, a Confraría de Pescadores organiza a xa tradicional Festa do Percebe de Aguiño.

Outra das delicias desta terra salgada é o “ouro laranxa”, os mexillóns. Medran en bateas nas augas tranquilas da ría e teñen a súa particular festa gastronómica en Boiro (agosto). Na vila tamén lle dedican unha xornada á xouba na simbólica data do 25 de xullo (Día de Galicia e do Apóstolo Santiago). Este é un delicioso peixe azul capturado de forma artesanal coa arte do xeito.

 

O viveiro natural que é a Ría de Arousa reflíctese na industria local: das antigas fábricas de salgadura ao actual liderado do Barbanza no ranking estatal de produción de conservas. Varias das principais conserveiras da provincia da Coruña aséntanse aquí.
Divulgación: guías
Divulgación: guías
Divulgación: guías
Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX)

Documentación

Outras figuras de protección

Zona Ramsar ''Complexo de Corrubedo'', 7ES024; 550 ha.

Outras figuras de protección

Zona especial de Conservación (ZEC) ''Complexo Húmido de Corrubedo'', ZEC ES1110006; 9.263 ha.

Outras figuras de protección

Zona de especial protección para as aves (ZEPA) ''Complexo Litoral de Corrubedo'', ZEPA ES0000313; de 971 ha.

Outras figuras de protección
Outras figuras de protección

Zona de Especial Protección dos Valores Naturais ''Complexo Húmido de Corrubedo'' de 9.265 ha. e ''Complexo Litoral de Corrubedo'' de 971 ha.

Instrumentos de planificación

Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN). (corrección de erros 23/10/1992)

Instrumentos de planificación

Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN).Decreto 148/1992

Data de declaración

15 de xuño de 1992. Decreto 139/1992, do 5 de xuño