A Consellería de Medio Ambiente presentará en Fitur o Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia

martes, Xaneiro 17, 2017

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio visitará a 37ª edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, onde promoverá o alto potencial turístico dos recursos naturais da Comunidade.

Santiago, 17 de xaneiro de 2017.- A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asistirá o vindeiro mércores, 18 de xaneiro, á Feira Internacional de Turismo (Fitur) para presentar o Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia. Desde o posto da Xunta de Galicia, Beatriz Mato dará a coñecer os 17 espazos “imán” da Comunidade, que destacan polo seu valor paisaxístico e natural, pero tamén polo seu alto potencial turístico.

Os espazos “imán” converteranse en elementos de atracción de visitantes cara a outros enclaves situados nun radio de 30 ou 50 quilómetros, que ampliará o coñecemento e fará máis rica a experiencia de quen nos visita.

Por outra banda, o stand contará con persoal dinamizador que convidará aos asistentes á feira a descargar a aplicación de Parques Naturais. Esta aplicación ofrece ao usuario información actualizada sobre o valor dos parques e das súas áreas de influencia co fin de sacar o máximo proveito á súa visita.

Ademais, a Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio aproveitará a vista a Fitur para presentar a nova plataforma web (www.parquesnaturais.xunta.gal), posta en marcha recentemente en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e que inclúe información práctica sobre como chegar aos espazos naturais, rutas e servizos dispoñibles.