Aberto o prazo para participar na XII xornada para profesionais do sector turístico no Parque Nacional das Illas Atlánticas

venres, Marzo 10, 2017

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través do Parque Nacional das Illas Atlánticas, pon en marcha a XII Edición das Xornadas para os profesionais do sector turístico nas que se abordará, entre outros temas, o potencial das illas atlánticas como espazos imán capaces de atraer visitantes cara a outros enclaves da contorna e aproveitar así as sinerxías entre diferentes puntos de interese turístico.

Esta xornada supón un esforzo máis por divulgar e promover o patrimonio natural galego e, en concreto, os valores do Parque Natural das Illas Atlánticas que, xunto cos outros cinco parques de Galicia, forma parte dos 16 espazos imán recollidos no Plan de promoción e posta en valor do Patrimonio Natural galego e que se asenta sobre os seguintes eixes de actuación: posta en valor do patrimonio natural, a promoción e a comunicación e a educación ambiental e divulgación dos recursos naturais de Galicia.

Agora os profesionais do sector da Comunidade terán ocasión de coñecer os aspectos máis salientables deste Plan de promoción, especialmente, todo o relacionado co Parque Natural das Illas Atlánticas como un dos principais espazos imán de Galicia.

É necesario destacar que esta actividade formativa é gratuíta está dirixida a un máximo de 40 técnicos, informadores e guías turísticos, que co seu traballo contribúen a divulgar o extenso patrimonio natural de Galicia.

Os interesados poderán apuntarse antes do 12 de abril e recibirán formación teórica e práctica para acadar novas ferramentas e recursos e ofrecer aos visitantes información útil e precisa sobre os valores tanto naturais como culturais do parque. Asemade, poderán coñecer os servizos de atención ao público dos que dispoñen as Illas Atlánticas, a normativa pola que se rexen e o seu sistema de xestión buscando sempre a excelencia ambiental e a sustentabilidade.

A xornada desenvolverase no Centro de Visitantes Cambón, en Vigo o vindeiro 27 de abril. Para máis información poden visitar a páxina web do parque www.parquenacionalillasatlanticas.com o a través do número de teléfono 886 21 80 90.

Recoñecemento do Parque
Por outra banda, cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas foi galardoado, precisamente en Fitur, co Top 100 Quality Coast, que acredita a súa inclusión neste ranking, o maior programa internacional de certificación para este tipo de destinos turísticos.

A importancia deste recoñecemento radica en que QualityCoast forma parte da iniciativa global Green Destinations, a maior asociación mundial en turismo sostible, que conta con 50 socios en 30 países.

Igualmente, esta distinción, xunto cos Carta Europea de Turismo Sostible –recibida en decembro de 2015- ou o certificado de Destino Turístico Starlight recibido na edición anterior de Fitur, e os valores que o definen como Parque Nacional das Illas Atlánticas fan deste enclave o buque-insignia do turismo natural de Galicia e un punto turístico prioritario, xa que é o segundo destino turístico máis demandado en Galicia, despois da Catedral de Santiago.