MEDIO AMBIENTE PON EN MARCHA O NOVO SERVIZO DE ATENCIÓN AOS VISITANTES NOS PARQUES NATURAIS DE GALICIA

martes, Abril 4, 2017

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio pon en marcha o novo servizo de atención aos visitantes nos parques naturais de Galicia cuxo obxectivo é a concienciación ambiental da sociedade e a divulgación e promoción do turismo de natureza sostible. Así o anunciou a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, durante unha visita esta mañá ao Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, en Ribeira.

Beatriz Mato aclarou que este servizo de divulgación e educación ambiental está xa en funcionamento nos catro parques naturais de Galicia con maior número de visitantes, como son, precisamente, este de Corrubedo, as Fragas do Eume (A Coruña), Monte Aloia (Pontevedra) e Baixa Limia-Serra do Xurés (Ourense). “Ademais -engadiu-, está previsto que tamén comece a ofrecerse este servizo nas próximas semanas na Serra Enciña da Lastra e no Invernadeiro, ambos os dous na provincia ourensá”.

Para a posta en marcha do novo servizo, aproveitaranse as infraestruturas de uso público cos que xa contan os diferentes parques naturais de Galicia -principalmente, os centros de interpretación e os puntos de información- e dotaranse dun director e de dous monitores especializados, que aportarán valor á visita e farán máis enriquecedora a experiencia e o contacto dos visitantes co espazo natural.

“En total -apuntou Mato Otero- serán 18 os profesionais ao servizo dos visitantes que, ademais da atención, ofrecerán itinerarios guiados, xornadas científicas, xornadas a colectivos específicos, organizarán exposicións e actos conmemorativos para a posta en valor dos espazos naturais e realizarán actividades formativas en centros educativos co fin de divulgar e promover os aspectos singulares de cada parque”. Cómpre lembrar que as actividades nos centros de interpretación desenvolveranse todos os días da semana e, en concreto, as visitas guiadas estarán dispoñibles en horario de mañá e serán atendidas polos monitores contratados ao efecto.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio salientou o compromiso do Goberno galego coa promoción e posta en valor do patrimonio natural da Comunidade e proba diso son os case 500.000 euros de investimento neste servizo pensado, precisamente, para favorecer o coñecemento sobre os valores naturais de Galicia e mellorar a concienciación ambiental da sociedade.

No caso concreto do Parque Natural de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán, o orzamento destinado ao servizo de atención aos visitantes supera os 100.000 euros. Este investimento súmase aos realizados pola Xunta de Galicia neste parque desde o ano 2009 e que totalizan preto de 2,7 millóns de euros.

A Compostelana dos Parques Naturais
Ademais, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio lembrou durante a súa visita ao Complexo dunar de Corrubedo a recente presentación do Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, que conta cun investimento de catro millóns de euros e contempla 29 actuación específicas. Entre elas, a posta en circulación do Pasaporte da Rede de Parque Naturais, un documento co que se pretende aproveitar as sinerxías entre os diferentes espazos naturais convidando aos visitantes de cada parque a coñecer os outros referentes do patrimonio natural galego.

Este pasaporte estará dispoñible en todos os servizos de información e contén unha descrición e os datos de contacto dos seis parques naturais da Comunidade, así como do Parque Nacional das Illas Atlánticas. O documento pode conseguirse en tres idiomas: galego, castelán e inglés.

Así, co fin de fomentar o coñecemento destes enclaves e superar o incremento de visitas dun 33 por cento rexistrado en 2016, Beatriz Mato anunciou que a primeira persoa en completar o que será coñecida como a Compostelana dos parques naturais de Galicia poderá gozar dunha estancia de dous días no Xurés, onde, ademais, poderá participar nalgún dos programas turísticos deseñados para este enclave.

Crece o número de visitantes
Por outra banda, a titular do departamento autonómico asegurou en Corrubedo que “estamos a lograr o obxectivo do posta en valor dos parques naturais galegos para convertelos en espazos máis coñecidos e atractivos para os galegos e para as persoas que nos visitan. A mellor proba diso -engadiu- é que o pasado ano o número de visitantes aos cinco parques naturais de Galicia creceu, respecto ao 2015, en máis de 78.000, o que supón un incremento do 33 por cento”.

Beatriz Mato reiterou que “os visitantes medran ano a ano, en boa medida, grazas á posta en marcha de recursos e servizos necesarios para visitalos como este e á elaboración e desenvolvemento dunha completa programación de actividades”.