Medio Ambiente destaca o papel fundamental dos parques naturais na loita contra o cambio climático

mércores, Maio 24, 2017

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destaca o papel fundamental dos parques naturais na loita contra o cambio climático. Así o manifestou a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, que esta mañá visitou, xunto cos membros da asociación Amicos de Ribeira, a illa de Sálvora con motivo da conmemoración do Día Europeo dos Parques Naturais.

Ana Díaz lembrou que este ano a federación Europarc, que promove a celebración do Día Europeo dos Parques Naturais baixo o lema Cambia o clima, cambia o parque, quere salientar a importancia destes espazos como lugares apropiados para o seguimento e adaptación aos posibles efectos do cambio climático, ademais de ser dos mellores escenarios para conservar e mellorar a biodiversidade.

Neste senso, a illa de Sálvora está a servir de localización para diversos estudos centrados no coñecemento sobre o fenómeno climático e os seus posibles efectos no desenvolvemento das distintas especies, que contribúen á conservación da biodiversidade e os ecosistemas naturais e, por tanto, son xeradoras de vida. Igualmente, a directora xeral recordou que Sálvora forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que conta con recursos naturais e paisaxísticos de contrastado valor, que o fan merecedor do recoñecemento de Patrimonio da Humanidade.

Amicos coopera na conservación deste espazo
A través da súa actividade, a asociación Amicos está a apostar, precisamente, por iniciativas integradoras e respectuosas con esta contorna, como son a agricultura ecolóxica e o autoconsumo, que, ao mesmo tempo, serven para impulsar a integración das persoas con discapacidade intelectual que conforman este colectivo e favorecer a súa autoestima e autonomía persoal.

Logo de coñecer as instalacións do centro da asociación Amicos situado na parroquia de Oleiros, en Ribeira, a directora xeral de Patrimonio Natural dirixiuse cos integrantes deste colectivo á illa de Sálvora, onde puido observar o labor que desenvolven os membros de Amicos en defensa da conservación e posta en valor do patrimonio natural, cultural e antropolóxico de Sálvora. Segundo sinalou a directora, estas actividades están en perfecta sintonía co traballo da Consellería de Medio Ambiente para a preservación, protección e proxección de todo o territorio que comprende o Parque Nacional das Illas Atlánticas, que agora dá un paso máis co comezo dos trámites da candidatura a Patrimonio da Humanidade.

Labores de recuperación en Sálvora
Así, Ana Díaz constatou o importante papel que a asociación desenvolve a prol da recuperación e a preservación deste espazo natural, a través da realización de actividades integradoras, respectuosas coa contorna e favorecedoras do recoñecemento social necesario para garantir a súa conservación.

Neste senso, a directora xeral indicou que a difusión e o coñecemento dos espazos naturais son a mellor forma de garantir a súa protección, de aí o interese do Goberno galego por cooperar con todos aqueles colectivos que incorporen as políticas de respecto e educación ambiental no seu día a día. Deste modo, Amicos contribúe de forma decidida a conservar este enclave natural.