A Xunta celebra o Día Europeo dos Parques Naturais en Ourense cunha carpa informativa que promove o coñecemento dos tres espazos protexidos da provincia

mércores, Maio 24, 2017

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, destacou hoxe a importancia da sensibilización da cidadanía sobre a importancia da conservación do patrimonio natural de Galicia como espazos apropiados para o seguimento e adaptación dos posibles efectos do cambio climático. Díaz Mouteira inaugurou a carpa informativa instalada na rúa do Paseo da cidade das Burgas para conmemorar o Día Europeo dos Parques Naturais.

No acto Díaz Mouteira estivo acompañada polo alcalde, Jesús Vázquez, e outras autoridades locais. Na súa intervención, a delegada territorial puxo en valor a importante diversidade biolóxica e paisaxística dos tres parques naturais da provincia: o Xurés, O Invernadeiro e a Serra da Enciña da Lastra. Ademais, instou a cidadanía a coñecer estes enclaves naturais. “Desde a Xunta somos conscientes da importancia de promover o coñecemento e o recoñecemento da sociedade sobre o patrimonio natural como un seguro para a súa conservación”, indicou.

Durante toda a xornada neste stand informativo ademais do reparto de material divulgativo, celebraranse charlas e proxectaranse vídeos co fin de promocionar as diferentes rutas de sendeirismo habilitadas nos parques da provincia e dar a coñecer o seu patrimonio natural.

Así, a Xunta súmase á iniciativa da Federación Europarc, na que están representadas as institucións implicadas na planificación e xestión dos espazos protexidos, que este ano, con motivo desta efeméride, quere salientar o papel dos parques naturais na loita contra o cambio climático. Baixo o lema deste ano, Cambia o parque, cambia o clima, o departamento dirixido por Beatriz Mato desenvolve diversas actividades co fin de promover o descubrimento destes espazos como preservadores dos nosos recursos naturais, núcleos de biodiversidade e sistemas de soporte vital.