Medio Ambiente convoca un concurso fotográfico para celebrar o 20º aniversario da declaración do Parque Natural das Fragas do Eume

mércores, Xuño 21, 2017

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de poñer en marcha un novo concurso fotográfico para conmemorar o vixésimo aniversario da declaración do Parque Natural das Fragas do Eume.

O Parque Natural Fragas do Eume celebra vinte anos dende a súa declaración a través do decreto 218/1994 do 30 de xullo (DOG 11-08-1997). Para celebrar esta cita invítase e anímase a a todos os visitantes e afeccionados a enviar as súas mellores fotografías a través da páxina de facebook Galicia Natural e Única, para compartir as imaxes do bosque atlántico mellor conservado de Europa.

Esta é unha iniciativa que ademais busca promocionar o patrimonio natural e cultural das Fragas do Eume a través das redes sociais, xa que as persoas que desexen participar deberán enviar as súas instantáneas ao enderezo electrónico

galicianaturaleunica@gmail.com dende hoxe ata o día 21 de xullo, e irán colgándose no Galicia Natural e única. Os participantes deberán ser maiores de 18 de anos, con residencia en España e seguidores da páxina de facebook Galicia Natural e Única.

Os internautas terán a posibilidade de votar as tres mellores imaxes e ademais un xurado designado para a ocasión seleccionará outras tres. Os seis premiados terán a oportunidade de realizar unha visita guiado por este espazo senlleiro ou por calquera dos outros 5 parques naturais de Galicia.

Cómpre lembrar que esta actividade de difusión a través das redes sociais é unha das iniciativas recollidas no Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, posto en marcha polo Goberno galego, que conta cun investimento de catro millóns de euros e contempla 29 actuación específicas.

Estas actuacións camiñan na senda marcada por dous dos eixes que define o Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural, como é a promoción e comunicación do patrimonio, a través dos medios de comunicación, da presenza en feiras ou da elaboración de novos paquetes turísticos. Tamén se vén realizando un esforzo importante para reforzar a presenza do patrimonio natural nas novas tecnoloxías, grazas a aplicación Parques naturais e á web http://parquesnaturais.xunta.gal/es.