
As directoras xerais de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, saudaron esta mañá aos participantes no campo de traballo Dunas de Corrubedo que se está a celebrar en Ribeira ata o 30 de xullo, así como aos mozos e mozas do campo de traballo Illa de Sálvora que realizaron unha visita na xornada de hoxe ás dunas. Ambos campos de traballo son de ámbito internacional e están centrados en actividades en prol da conservación do medio ambiente.
No primeiro deles, os 20 mozos e mozas que están a participar nel, realizan labores de mantemento do espazo natural -sobre todo daquelas zonas afectadas polo incendio do ano 2016- o que comprende a reconstrución e consolidación de sendeiros, a eliminación de plantas autóctonas e a vixilancia de incendios. Así mesmo, estanse a encargar de ofrecer información e de sensibilizar aos visitantes do complexo dunar con respecto á importancia de protexer o noso entorno natural.
No tocante ao campo de traballo Illa de Sálvora, os 15 participantes están realizarán ata este venres labores de vixilancia do marco natural e de seguimento da fauna. Ademais, tamén retiran especies autóctonas, arranxan e manteñen infraestruturas e muros, e acompañan aos visitantes que se achegan a esta paraxe natural. Cómpre destacar que a mocidade deste campo de traballo poderá desenvolver a súa propia gastronomía ambiental, elaborando menús que se acheguen a unha cociña tradicional e económica.
Cecilia Vázquez agradeceu o traballo dos participantes nestes campos de traballo, así como o seu compromiso coa nosa terra e a súa solidariedade. O obxectivo destas iniciativas “é promover entre os máis novos a importancia de conservar e coidar o noso patrimonio natural, e intentamos conseguilo a través de ferramentas de educación non formal excelentes como estes campos de traballo”, explicou a titular autonómica.
Pola súa banda, a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, destacou o esforzo do Goberno galego por incrementar nun 40 por cento o número de prazas dispoñibles para participar no Programa de Voluntariado Ambiental, que desenvolverán conxuntamente as consellerías de Medio Ambiente e Política Social nos parques naturais da Comunidade durante os meses de xullo e agosto. Este tipo de iniciativas son unha ferramenta esencial para concienciar á mocidade na importancia de preservar o patrimonio natural e adoptar actitudes e comportamentos proambientais e sostibles mediante o desenvolvemento de accións de recuperación e protección dos ecosistemas.
A Xunta ten unha liña de acción moi clara: divulgar o valor do patrimonio natural que atesoura o medio ambiente da Comunidade como medida para fomentar a súa conservación. Así, a representante da Consellería de Medio Ambiente dixo que “ninguén pode preservar sen non coñece previamente”, polo que celebrou a posta en marcha deste tipo de actividades que pretenden “somerxer aos participantes nos espazos naturais que atesoura Galicia”.
Recordou que as actividades que se desenvolverán nos diferentes espazos naturais teñen un denominador común, como é o asentamento e conservación de especies autóctonas, acondicionamento e mantemento de camiños e rutas de sendeirismo, repoboacións de herbáceas e outras especies vexetais, recoñecemento da flora e fauna, vixilancia do monte, recollida de lixo e o observatorio das canles dos ríos, así como a limpeza e coidado das praias e os sistemas dunares.
Campos de traballo
No marco da campaña de verán 2017 O teu verán colle nunha mochila, a Consellería de Política Social está a levar a cabo durante esta época 12 campos de traballo en diferentes concellos destinados á xuventude de entre 18 e 30 anos de diferentes nacionalidades e nos que participarán 228 persoas.
Cómpre destacar que nesta campaña que poderán tomar parte 9.572 persoas, 526 máis que en 2016. As actividades que conforman esta campaña están dirixidas a mozos e mozas de entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.
Na programación estival inclúense campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.
O departamento autonómico inviste 2,9 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 1000 persoas entre monitores e directores de tempo libre.