Media
22 h
A pé
49 km
Circular
Parque Natural:
Baixa Limia - Serra do Xurés
Inicio/Fin: (varios) Queguas, Ermida de San Bieito de Grou, San Xes de Vilariño, A Canle, A Fraga ou en Outeiro de Augas
O sendeiro discorre polo planalto da Serra do Leboreiro, nun percorrido circular, a través dos concellos de Verea, Bande, Lobeira, Lobios e Entrimo. O percorrido ofrece fermosas vistas do val do Limia e panorámicas das serras do Xurés, do Quinxo e da Peneda. Destacan os altos de Penagache, Pena de Anamán e os ríos Agro e de Castro Leboreiro que unen as terras de Galicia e de Portugal.
A ruta realízase por zonas de mato onde é frecuente atopar cabalos garranos e vacas cachenas, autóctonas do Xurés. Consérvanse mostras do enxeño popular como foxos e currais, que lembran a dificultosa convivencia das actividades pecuarias coa fauna silvestre. Estes planaltos do Leboreiro albergan gran cantidade de necrópoles e monumentos funerarios megalíticos coñecidos como túmulos ou mámoas.
O sendeiro conecta coa ruta de Queguas e con varias aldeas. Pódese facer unha versión curta da ruta, a través dun ramal que a divide máis ou menos á metade.