A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, participou hoxe nas Fragas do Eume nun acto conmemorativo do Día Mundial da Natureza no que un grupo de 60 escolares do CEIP Eladia Mariño, de Cabanas, fixeron as súas propostas para confeccionar a primeira Carta dos dereitos da natureza de Galicia.
Durante o evento, organizado pola Consellería de Medio Ambiente baixo o formato de Consello Consultivo, os rapaces expuxeron ante todos os asistentes as súas propostas e recomendacións co fin de preservar o patrimonio natural e a diversidade biolóxica de Galicia. Unha vez recompiladas todas as súas suxestións, o departamento autonómico encargarase agora de facer unha selección coas mellores para poder confeccionar un decálogo de boas prácticas que se plasmará en forma de carta.
Ana María Díaz foi a encargada de presidir a constitución do Consello Consultivo da Natureza no Centro de Interpretación das Fragas do Eume. Durante o acto, os nenos e nenas participantes expuxeron todas as propostas nas que traballaran días antes no seu centro escolar divididos en tres equipos: a comisión de divulgación e difusión, integrada polos alumnos máis pequenos e que se encargou da elaboración dos debuxos; a comisión de expertos, que leron as propostas en galego e en inglés; e a comisión de traballo, que se ocupou de integrar e expoñer as achegas visuais e escritas dos seus compañeiros.
As propostas defendidas polos rapaces xiran arredor de temáticas relacionadas coa protección do solo, o aire, a auga e os animais. Así, avogan polo dereito dos “hábitats, as especies e os espazos naturais a ser protexidos”, a que as árbores “poidan vivir moitos anos para darnos osíxeno e acubillo e alimentos aos animais” ou a que a auga non se malgaste para que poida ser “a casa dos peixes e dos anfibios”.
Ademais da elaboración do decálogo, o obxectivo é que todo o material recompilado se utilice agora como parte dunha campaña divulgativa para defender os dereitos da natureza a través das redes sociais da consellería.
‘Escoitemos a voz dos mozos’
Cómpre subliñar que a actividade desenvolvida hoxe co alumnado do CEIP Eladia Mariño enmárcase dentro dos actos previstos pola Consellería de Medio Ambiente con motivo do Día Mundial da Natureza, que todos os anos se conmemora o 3 de marzo. O lema escollido en 2018 para celebrar a efeméride é Escoitemos a voz dos mozos, motivo polo que desde o departamento autonómico estimouse oportuno coñecer de primeira man o que opinan os nenos sobre este tema.