A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio convoca as ordes de axudas para actuacións de mellora, recuperación e rehabilitación nos concellos que contan con terreos dentro da Rede Natura 2000 e nun parque natural.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, presentou esta mañá en rolda de prensa as bases desta convocatoria que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia e que contan cun orzamento de case 4 millóns de euros (3.981.452), un 54% máis respecto da convocatoria do ano 2016, á que se dedicaron 2.586.354 euros.
Tal e como explicou a directora xeral son axudas para a realización de investimentos non produtivos para acadar os obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito da Rede Natura 2000 e dos parques naturais de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.
Neste sentido, serán subvencionables por estas dúas ordes de axudas as actuacións dirixidas á mellora da paisaxe agraria e do desenvolvemento de usos recreativos, como a creación de cercas, sebes, mellora da paisaxe rural, restauración de muros; roteiros, equipamentos de información e interpretación; mellora do carácter de utilidade pública de Natura 2000; sinalización de carreiros e outras de análoga natureza; accións dirixidas á recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais necesarios para o mantemento da paisaxe agraria tradicional, como hórreos, miradoiros, cabanas, valados, fontes e calquera outras de análoga ou similar natureza; e tamén actuacións para a preservación dos hábitats ou ecosistemas naturais e seminaturais, de especies ameazadas ou de interese comunitario.
Os beneficiarios destes investimentos son as persoas titulares de terreos agrícolas e forestais, os concellos, as asociacións ambientais e de custodia do territorio e, no caso das axudas en parques naturais, as empresas con domicilio fiscal nun municipio dentro dun parque.
Ana María Díaz explicou que co ánimo de chegar aos maior número de beneficiarios establécense uns importes máximos das mesmas, que en ambos casos concederase o 100% do seu custo subvencionable, cun importe máximo de 20.000 € por proxecto, no caso de que a persoa beneficiaria sexa un concello e de ata 12.000 €/proxecto nos restantes casos. Para os incentivos dentro dos parques naturais, o investimento máximo para os concellos será de ata 40.000 €/ha e de 12.000 €/proxecto para as restantes tipoloxías de beneficiarios. Aclarou que só se admitirá unha solicitude de axuda e un único proxecto por solicitante e que as actuacións obxecto de subvención deberán axustarse á lexislación vixente e contar coas licenzas e autorizacións preceptivas.
Tanto para a orde de axudas en espazos da Rede Natura, como para os incentivos en municipios en parque natural, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá (día seguinte da súa publicación no DOG) e as solicitudes estarán dirixidas aos servizos de Conservación da Natureza das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.
A directora xeral de Patrimonio Natural destacou que o Plan de Desenvolvemento Rural, no que se inscriben estas axudas, recolle entre as súas liñas básicas de actuación conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia promover a xestión sostible dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático e mellorar a calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, á creación de emprego e á redución do risco de pobreza