O Monumento Natural das Catedrais recibiu preto de 9000 visitas tras activar a Xunta un dispositivo especial para facilitar o acceso durante a ponte do primeiro de maio

martes, Maio 2, 2017

O Monumento Natural da Praia das Catedrais acolleu un total de 8.825 visitantes despois de que a Xunta de Galicia activase un operativo especial co fin de facilitar e ordenar o acceso a este espazo e regular o tráfico na zona durante a ponte do primeiro de maio. Os datos foron recollidos polo persoal que formou parte deste dispositivo e, ademais de velar pola seguridade dos visitantes, permitiu ao público un mellor aproveitamento da visita mediante a achega de información para a interpretación deste espazo natural.

En concreto, o dispositivo especial estivo formado por cinco persoas, das cales dúas se centraron no control do acceso aos aparcadoiros facilitados polos concellos de Barreiros e Ribadeo, outras dúas ao reconto de visitantes e información e unha á vixilancia.

Tal e o como indicara a directora xeral de Patrimonio Natural nunha rolda de prensa posterior á campaña de Semana Santa, activouse este operativo especial cos obxectivos de facilitar a chegada de visitantes ao monumento e coñecer o grao de afluencia de público en épocas do ano nas que non existe limitación de acceso ao monumento.

Cómpre lembrar que a limitación de accesos, segundo o plan de conservación do monumento natural, prodúcese en Semana Santa e os meses de xullo, agosto e setembro e consiste en limitar a entrada ao monumento en 4.812 visitantes ao día.

Deste xeito, tal e como amosan os datos recollidos durante a ponte do primeiro de maio, existe un crecente interese por coñecer este areal, aínda a pesar das condicións climatolóxicas.

Espazo imán

O Monumento Natural da Praia das Catedrais xa experimentou durante a Semana Santa unha importante afluencia de público, como mostran as 24.483 persoas que accederon a este espazo. Neste senso, as cifras recollidas durante este período vacacional sumadas ás da ponte do primeiro de maio avalan, unha vez máis, a folla de ruta establecida pola Xunta de Galicia ao poñer en marcha o Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, que identifica un total de 17 espazos imán, entre os que se atopa a Praia das Catedrais, cun alto valor natural e patrimonial e amplo recoñecemento dos galegos e das persoas que visitan Galicia. Estes espazos imán dispoñen do suficiente potencial como para propiciar o crecemento económico inclusivo e sostible, así como o emprego e o uso eficiente dos recursos, a protección ambiental e a divulgación de valores culturais e naturais.

Desta forma, o seu atractivo permite redirixir o interese dos visitantes cara a outros enclaves, como as cetáreas de Rinlo, a Basílica de San Martiño en Foz, o porto pesqueiro de Burela, a fortaleza do Mariscal Pardo Cela, a Catedral de Mondoñedo, ou a rede de rutas dispoñibles na Reserva da Biosfera do Eo, Oscos e Terras do Burón.