Medio Ambiente celebra o Día Europeo dos Parques Naturais cunha programación de diversas actividades divulgativas dirixidas a todos os públicos

domingo, Maio 21, 2017

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio conmemora o Día Europeo dos Parques Naturais coa programación de diversas actividades divulgativas coas que pretende implicar á sociedade na conservación do patrimonio natural de Galicia como espazos apropiados para o seguimento e adaptación dos posibles efectos do cambio climático. Deste modo, a Xunta de Galicia súmase á iniciativa da Federación Europarc, na que están representadas as institucións implicadas na planificación e xestión dos espazos protexidos, que este ano, con motivo do Día Europeo dos Parques, que se celebra o vindeiro 24 de maio, quere salientar o papel dos parques naturais na loita contra o cambio climático.

Así, baixo o lema Cambia o parque, cambia o clima, o departamento autonómico invita ao público en xeral a participar nas diferentes actividades que se desenvolverán en cada un dos parque naturais de Galicia e no Nacional das Illas Atlánticas co fin de promover o descubrimento destes espazos como preservadores dos nosos recursos naturais, núcleos de biodiversidade e sistemas de soporte vital.

Conscientes da importancia de promover o coñecemento e o recoñecemento da sociedade sobre o patrimonio natural como un seguro para a súa conservación, a Consellería de Medio Ambiente organizará actividades durante toda esta semana que irán desde un ciclo de cinema Butaca verde, coa proxección de filmes como Amazonia carbonizada o El secreto del bosque, entre outros; charlas, exposicións, visitas guiadas e rutas. Moitas das actividades están dirixidas a escolares, pero tamén ao público en xeral interesado en coñecer os parques naturais de Galicia.

Deste xeito, as persoas que o desexen poderán visitar o stand informativo, que estará instalado o vindeiro 24 de maio na rúa do Paseo, en Ourense, onde poderán coñecer as diferentes rutas de sendeirismo habilitadas nos parques da provincia, como son Enciña da Lastra, Invernadoiro e Xurés, e recoller material divulgativo.

Por outra banda, nos propios parques naturais, desenvolveranse ao longo da semana máis actividades con alumnos de distintos centros educativos de Galicia, co fin de achegar aos escolares á riqueza dos espazos naturais e conciencialos sobre a importancia da súa conservación como fontes de vida, biodiversidade e sustentabilidade. Neste senso, dentro dun ciclo de cinema, os rapaces poderán visualizar diversos filmes de temática específica, realizar algunha ruta e visita guiadas e mesmo participar nalgunha actividade de debuxo centrado na protección do entorno natural. As datas e centros participantes se poden consultar na seguinte táboa:

PARQUE
DATAS
ACTIVIDADE
Ourense
22-26/05/17
- charlas sobre os Parques Naturais en diferentes colexios

Serra da Enciña da Lastra
23/05/2017
- visita do colexio Julio Gurriarán do Barco, da zona de influencia do Parque, para facer diversas actividades de coñecemento sobre o medio

25/05/2017
- visita do colexio CEIP San Martiño de Vilariño de Conso ao Parque do Invernadeiro

Fragas do Eume
22-28/05/17
- exposición ‘Reservas da Biosfera’
- ciclo de cine ‘Butaca verde’ coa proxección de ‘Amazonia carbonizada’ e ‘Green’

24/05/2017
- ruta polo parque guiada para o público en xeral con reparto de pasaportes da Rede de Parques Naturais de Galicia

25/05/2017
visita do CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña para participar nas seguintes actividades:

- proxección dun vídeo sobre a fauna das Fragas

- charla sobre o Día Europeo dos Parques Naturais

- ruta cos guías do parque
26/05/2017
visita dos alumnos do CEIP A Gándara de Narón para desenvolver as seguintes actividades:

- proxección dun vídeo sobre a fauna das Fragas

- charla sobre o Día Europeo dos Parques Naturais

- ruta cos guías do parque
Corrubedo
24/05/2017
Para nenos de 3º e 4º de Educación Primaria

- charla sobre os Parques Naturais de Galicia

- ruta guiada polo parque
- xornada de ilustración na natureza con Suso Cubeiro, ilustrador de contos infantís

Monte Aloia
24/05/2017
Visita do colexio Público Pazos de Reis para desenvolver as seguintes actividades:

- charla sobre parques naturais e cambio climático

- proxección do vídeo 2050
- ciclo de cine ‘Butaca verde’ coa proxección de ‘El secreto del bosque’, ‘2050’ e ‘Manual de uso de una nave espacial’

- visita guiada da ruta Rego de Pedra

- reparto de adhesivos do Día Europeo dos Parques e de pasaportes

O Invernadeiro
29/05/2017
Visita de escolares de Ourense para coñecer o parque natural

Xurés
30/05/2017
Visita ao Parque natural de alumnos do CEIP de Lobios cos que se realizarán diversas actividades divulgativas na aldea de Salgueiros

Programación no Parque Nacional das Illas Atlánticas

As actividades conmemorativas do Día Europeo dos Parque Naturais tamén chegarán ao Parque Nacional das Illas Atlánticas, onde está previsto o desenvolvemento de actividades agrupadas por temáticas, como son Coñeces os parques nacionais, que, dunha forma lúdico-didáctica, pretende achegar ao público en xeral os valores destes espazos. Ademais, ofreceranse actividades de pintura para cativos e unha sesión de contacontos destinado para as familias. Tamén haberá cine, coa proxección do filme Los Reyes del Ártico e Norman del Norte, e mesas con xogos e libros.

A programación do Parque Nacional das Illas Atlánticas desenvolverase indistintamente nos centros de recepción de visitantes das Illas Cíes e Ons e no da rúa da Palma, así como no Auditorio do Parque, situado na rúa Oliva, en Vigo.