A Xunta consolida a protección ambiental do Xurés mediante un investimento de case 500.000 euros en traballos de recuperación e valorización da paisaxe tradicional galega

luns, Xullo 17, 2017

A Xunta de Galicia investirá, ao longo deste ano, un total de 465.000 euros no Parque Natural do Xurés co fin de garantir a súa conservación e a valorización da paisaxe tradicional galega. Trátase, segundo afirmou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a súa visita esta mañá ao Concello de Lobios, do maior investimento realizado polo Goberno galego neste enclave desde o ano 2011, que blindará o seu patrimonio material e inmaterial e beneficiará seis concellos da provincia de Ourense, isto é, Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Muíños e Lobios.

Este esforzo inversor, engadiu a titular do departamento autonómico, é froito do compromiso do Executivo galego pola protección e promoción deste parque natural, no que se desenvolverán traballos de recuperación dos elementos arquitectónicos tradicionais, así como de acondicionamento e sinalización das rutas de sendeirismo e mellora dos accesos e das áreas recreativas creadas na contorna do enclave.

En total, 465.000 euros que se repartirán entre os seis concellos, nos que se executarán diversas obras, aínda que cun denominador común que é a preservación do riqueza natural do parque e a posta en valor da paisaxe tradicional galega.

A maior inversión realizarase no Concello de Lobios, pois “chegaremos -dixo Beatriz Mato- aos 83.000 euros con diversos obxectivos, como son a restauración do forno de Guende, no que se cambiará a cuberta, se mellorarán as fachadas e solados, farase unha nova instalación eléctrica e introducirase carpintería de madeira”. Ademais, adecuarase o punto de información do parque con nova ornamentación natural e o acondicionamento do pavimento.

Pola contra, en Muíños, a Xunta investirá 70.000 euros en dúas obras para o acondicionamento do sendeiro ecolóxico de 7 quilómetros de lonxitude que une as localidades de Xermade e Requiás e melloraranse dúas áreas recreativas, como son as do Encoro de Salas e do Corro Mouro. Neste último, cómpre reparar unha poza tradicional, ademais de substituír a pasarela existente por unha nova co fin de sortear un pequeno regato.

Tamén, na localidade de Entrimo, destinaranse 64.000 euros para a mellora dos accesos ao espazo natural de Pozo Caído e valorizarase a área recreativa do muíño de Pontóns. Esta última actuación, contempla, ademais do equipamento de mesas, roza e eliminación de especies invasoras, a recuperación do propio muíño debido ao seu estado ruinoso.

Por último, no municipio de Bande, levaranse a cabo dúas actuacións por un importe de 25.000 euros, que terán como finalidade a recuperación dos fornos de Fontao e Pereira. En Calvos de Randín, sinalizarase a ruta de sendeirismo existente entre as carballeiras de Castelaus e a Fervenza do Río Fírvida, xa dentro do termo municipal de Porqueira, mentres que, en Lobeira, actuarase nas rutas de Leboreiro-Cabreira e Mámoas mediante traballos de roza, recuperación de sendeiros, sinalización, adecuación de zonas de descanso e rampas para anfibios. Tamén neste concello, restaurarase o forno de molar para uso e goce dos veciños. Nestas dúas actuacións investirase un total de 51.000 euros.

Traballos de mantemento do parque
A todas estas actuacións hai que engadir o investimento para servizos e mantemento do parque natural, que suman uns 150.000 euros, entre os que destacan as rozas manuais e mecánicas, as actividades de divulgación e promoción, a organización dos campos de traballo e o inicio dos trámites para a adhesión á Carta Europea de Turismo Sostible.

En definitiva, segundo sinalou a responsable do departamento autonómico, entre os anos 2009 e 2017 “este parque natural tivo un investimento da Xunta de Galicia de mais de 5 millóns de euros”, aos que agora se suman a partida orzamentaria de case 500.000 euros para a posta en valor do patrimonio natural do Xurés.

Cómpre sinalar, engadiu Beatriz Mato, que este enclave recibiu o ano pasado 38.000 visitantes, isto é, un 34 por cento máis que en 2015. Así, o Xurés converteuse no terceiro dos parques naturais de Galicia máis visitado durante o 2016.

Máis investimentos en Lobios
Ás actuacións no parque natural do Xurés, súmanse outros importantes investimentos en materia de patrimonio natural, augas e infraestruturas no municipio de Lobios. Deste xeito, levantarase unha pasarela na ruta dos muíños de Vilameá, cuxo orzamento ascende aos 90.000 euros.

Tamén se redactará o proxecto de mellora do abastecemento de auga potable aos núcleos de Vilameá, Devesa, San Paio e Esperanzo. Unha obra para a que a Xunta destinará uns 350.000 euros, que se sumarán aos máis de 210.000 que desde o 2009 Augas de Galicia ten investido neste concello. Neste senso, destacan as actuacións realizadas en materia de abastecemento e saneamento en Torneiros, Puxedo e Xendive; a captación de auga a Baños de Riocaldo e a reparación e reposición das conexións á parroquia de Sampaio.

A maiores, indicou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, “os veciños de Lobios pode gozar deste este ano dunha renovada praza en Puxedo”. Trátase dunha actuación realizada ao abeiro do Plan Hurbe e contou cunha achega de 94.000 euros. “Falamos dunha praza de gran valor cultural, posto que dispón de bens catalogados de interese histórico como a capela de Santo Antonio, un peto de ánimas e un cruceiro. Un enclave con tanta historia merecía ter un pavimento e unha iluminación á súa altura”.