A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio liderará o proxecto transfronteirizo Gerês-Xurés Dinámico, para o cal o conxunto de socios destinan un importe de case dous millóns de euros. Así o avanzou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, na presentación do proxecto transfronteirizo para a conservación e o desenvolvemento sostible dos espazos adheridos a esta reserva da biosfera, cuxo obxectivo principal é fortalecer a entidade da reserva, poñer en valor este espazo e compatibilizar as actividades.
Díaz López indicou que o seu departamento vén de propoñer iniciar as primeiras accións por dúas liñas de traballo concretas para a promoción sostible e protección da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés, as dirixidas aos escolares e aos xestores.
A directora explicou que para dar a coñecer os valores entre os escolares, levarase a cabo un programa de educación ambiental e visitas de grupos de escolares de toda a eurorrexión Galicia-Norte, con intercambios, campamentos na reserva da biosfera e unha exposición itinerante, máis material didáctico, a ambos lados da fronteira.
Tamén se promoverán actuacións específicas para os xestores como un programa de conservación e xestión de poboacións de fauna ameazada ou vulnerable, especies prioritarias e control de invasoras, monitorización e seguimiento da biodiversidade, mellora do coñecemento, avaliación do impacto das actividades turísticas e económicas sobre a especie e medidas para minimizar dito impacto. Tamén se realizará un inventario, monitorización, interpretación e posta en valor de lugares de interese xeolóxico e xeomorfolóxico.
Este proxecto transfronteirizo, cun importe de case dous millóns de euros, ten como obxectivo dinamizar esta Reserva da biosfera, e fortalecer a súa entidade e identidade propia. Busca tamén fomentar a participación activa dos actores do territorio, promover o seu desenvolvemento económico e turístico, e protexer e conservar o patrimonio natural e cultural. Así, potenciará actuacións concretas tales como o deseño de rutas, de sendeirismo ou bicicleta; ou a mellora da atención aos visitantes, a través de puntos de información e unha mellor sinalización. Con todas estas medidas, búscase beneficiar a visitantes, xestores e, en particular, habitantes da zona.
A reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés foi declarada pola UNESCO o 27 de maio de 2009 e abrangue os concellos galegos de Lobios, Entrimo, Muíños, Bande, Lobeira e Calvos de Randín, xunto cos portugueses de Melgaço, Arcos de Valdevez, Ponte da Barca, Terras de Bouro e Montealegre.